Skip to content Skip to navigation

PASIÑO A PASIÑO IMOS FACENDO O CAMIÑO A SANTIAGO (2019)

A parroquia de Valadares recreou unha peregrinación labrega entre música e actividades culturais.

Baixo o título 'Pasiño a pasiño imos facendo o camiño a Santiago' os veciños de Valadares recrearon o   domingo día 13 de outubro o treito parroquial deste roteiro xacobeo, unha variante do Camiño Portugués do Norte, que pasa por varios dos espazos naturais máis fermosos desta parroquia.
A ruta, de baixa dificultade e apta para toda a familia, e tivo unha particularidade moi especial, xa que recreou unha peregrinación labrega, polo que foi imprescindible vestirse acorde para gozar e transportarse á época das grandes peregrinacións.

 

A ruta guiada comezou ás 10:30h no campo de fútbol da Gándara. A primeira parada foi  ás 10.45 h. no mouteira real na estrema con Vincios (A Pasaxe), onde os camiñantes escoitaron unha breve presentación deste camiño por parte dun representante da Asociación de Amigos dos Pazos e partiron na compaña dos Trobadores Aldaiña de Candeán e o Cego de Matamá.

   

A seguinte parada foi ás 12.00 h. no Centro Veciñal e Cultural de Valadares. A Unión Musical de Valadares ofreceu un concerto neste punto cun repertorio alusivo ó xacobeo, ademais dun breve parladoiro a cargo de Luís Martínez sobre o Camiño Portugués pola Costa e a Vía Mariana, de Campio Salgueiro, que falou do Camiño Portugués a Santiago sen asfalto e dun representante da Asociación de Amigos dos Pazos.

    

A ruta  prevista continuaría polo Muíño da Senra e casa do peregrino, pero debido  ás adversidades meteorolóxicas  tivo que facerse toda a programación  no auditorio do CVC das 12.00 ás 14.30 horas: Aldaiña de Candeán, o Cego de Matamá,  "O Leo", o trobador multinstrumentista de Matamá,  e a compañía circense N+1 presenta o seu espectáculo "Gandaina", no que tamén participan os pallasos Tano e Pajarito.

 


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014