Skip to content Skip to navigation

Datos poboacionais

A parroquia de Valladares ten aumentado a súa poboación nos últimos anos. Os datos do ano 2004 falan de 5.511 persoas, que constitúen un hábitat disperso debido ao amplo tamaño da parroquia.

Cadro da evolución da poboación nas parroquias de Vigo. (Concello de Vigo)

Pirámide poboacional do Distrito 8 ao que pertence Valladares (Concello de Vigo)

 

Para facer unha idea sobre este incremento poboacional están os datos dos últimos anos: en 1986 eran 4.749 habitantes, dez anos despois xa eran 5.259 e, no ano 2003 5.464. Este crecemento tiña xa unha tradición anterior, pois nas tres décadas que van dos sesenta aos oitenta o incremento da poboación foi dun 73´1%.

A orografía condiciona o tipo de asentamento, concentrado nos barrios do Portal, a Igrexa, Freixo e a Garrida, e máis disperso nas Barrocas, no Carregal e na Sobreira. A estrada Vigo-Vincios actúa tamén como eixo vertebrador e aglutinador de parte dos asentamentos máis importantes da parroquia.

Non obstante, os primeiros datos poboacionais de Valladares son de 1589, cando contaba con 62 veciños. En 1813 pasaron a ser 220, aínda que na segunda metade do século perdeu efectivos pola emigración. Non esquezamos que por veciños entendíanse só pais de familia que pagaban e non todos os habitantes. 

Na actualidade, segundo datos fornecidos polo INE (Instituto Nacional de Estatística) no ano 2016, a parroquia ten  5.391 habitantes dos cales 2627 son homes e 2764 mulleres.

En canto á distribución por barrios e lugares pódense obter os seguines datos:

  • Barrocas: 689 habitantes;
  • Carregal: 434 habitantes;
  • Garrida: 1230 habitantes;
  • Igrexa: 729 habitantes;
  • Portal: 651 habitantes;
  • Freixo: 491 habitantes;
  • Seoane: 197 habitantes;
  • Sobreira: 401 habitantes;

 


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014