VISOR DA TOPONIMIA DE VALLADARES
-
Xa se poden localizar nun mapa en internet os nomes dos lugares (Toponimia e microtoponimia) da parroquia de Valladares
-
Só hai que facer un clic no menú da dereita onde pon Toponimia de Valladares e aparecerá un mapa interactivo no que pasando o punteiro por riba dos lugares aparecerá o seu topónimo.
-
Tamén se poderá atopar facendo unha procura grazas ao buscador incorporado na mesma páxina na parte superior dereita
-
O proxecto xurdiu do problema que existe na localización de predios como produto do abandono progresivo da agricultura.
Moitos herdeiros das leiras, especialmente as situadas nas superficies forestais, descoñecen a localización ou os límites exactos das mesmas, e incluso se existen copropietarios, de aí a importancia deste traballo. Houbo unha reunión cos veciños para explicarlles o proxecto e solicitar a súa colaboración.
O equipo conformado pola enxeñeira de montes Laura Benedicto Martínez, o historiador Diego Monroy Iglesias e a administrativa Amparo Otero Alonso. Fixeron un traballo en dúas vertentes. Por unha banda, investigando en todos os arquivos históricos, especialmente en temas de cartografía; e pola outra, falando cos veciños que teñen traballado nas leiras para saber como lles chamaban eles aos distintos sitios.
Testemuños e arquivos
Utilizando desde o primeiro catastro, o ordenado realizar polo Marqués de Ensenada, de mediados do século XVIII, ata os medios máis modernos, coma os sistemas Sigpac.
Localizaronse e documentaronse máis de cincocentos topónimos, pero seguen saíndo continuamente. Na cartografía non se debuxan os perímetros das zonas e non é doada a localización exacta ao que se engade a constante aparición de topónimos sobrepostos, é dicir, que aluden a un mesmo lugar. A microtoponimia galega vese incrementada continuamente en todo o territorio debido á división das leiras tras as herdanzas.
O inxente traballo que se expuxo non se concluíu nos seis meses estipulados inicialmente, pero os integrantes do equipo pretenden que o traballo quede encamiñado para posteriores acometidas.
Os resultados toponímicos do proxecto quedan expostos en internet a través desta páxina web do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, que ten unha ligazón con Google Earth para mostrar unha perspectiva aérea de cada lugar desta extensa parroquia.
Levouse a cabo grazas á colaboración entre o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e a Comunidade de Montes en Man Común de Valladares coa subvención do Concello de Vigo no seu Programa de Emprego Municipal