Skip to content Skip to navigation

A REDENCIÓN DOS FOROS

A REDENCIÓN DOS FOROS

   Falecido Ignacio Costas Piñeiro (2010), transcorrido un tempo, un día cruceime co seu fillo máis novo ao que coñecera de neno formando parte da Escola de Fútbol do C.C.A.R. e atrevinme a pedirlle que se algún día destruía documentos existentes na súa casa, denantes de facelo, me deixara  poder visualizalos por si tiñan algún valor histórico para a parroquia. Tiña a intuición de que así sería porque seu avó, Nemesio Costas Salgueiro (pai de Ignacio), encabezara o equipo que no ano 1958 iniciou a reclamación da propiedade das 97 Has. descatalogadas dos montes de utilidade pública e coñecidas como “Gándaras da Garrida”.

   Sorpresa a miña cando un día as Secretarias do C.V.C.V. comunícanme  que tiña a miña disposición unha morea de documentos,  que se multiplicaron días despois, os cales a familia Costas, púñaos a disposición da Comunidade de Montes de Valladares para a súa custodia.

   Con moito mimo e tranquilidade, fun dándolle trazas a toda aquela montaña de papeis e hoxe en día se algún veciño/a, comuneiro/a, estudantes que queiran facer calquera tipo de traballo sobre o noso pasado máis recente, teñen a súa disposición esta documentación. De toda ela rescato a Redención dos Foros e atrévome a transcribir a acta notarial ao galego porque o documento orixinal en parte está borroso e porque teño o obxectivo de coñecer ao maior número de persoas que figuran neste documento.

CRONOLOXÍA

Ano 1812. Os montes veciñais pasan a ser rexidos polos concellos, os de Valladares seguirían nas mans do Marquesado.

Ano 1841. Lei de desvinculación do 19 de Agosto.

Ano 1850. Victorino Salgueiro contra o Marqués sobre exención de pago de ración.

Ano 1889. Aprobación do Código Civil.

Ano 1916. Nace a Sociedade de Gandeiros e Labradores de Valladares. O edificio do que descoñecemos practicamente todo foi requisado na Ditadura e pasou a ser colexio e máis tarde o C.C.A.R. Na derradeira reforma descubriuse a placa que literalmente di: “SOCIEDADE AGRÍCOLA Y G  E DE VALLADARES. AÑO 1916”. Estase a traballar por descifrar o contido das iniciais Y G ou C e E. Se alguén ten algún indicio ao respecto, admitimos as súas suxestións

Nemesio Costas Salgueiro

Anos 1936-1939.-   Guerra Civil Española.

 Ano 1958.-   Nace a chamada Comisión encargada de reclamar a propiedade dos Montes baixos encabezada por Nemesio Costas Salgueiro e formada por:Nemesio Costas Salgueiro,Sabino Piñeiro Pérez,Manuel Alonso Alonso, Luís Pérez Rodríguez, Benigno Almuiña Claro. Aos que a medida que o preito se foi alongando se foron unindo: Sabino Pérez Salgueiro,Víctor Barreiro Pérez, Cándido Costas, Félix Alonso Álvarez e outros

Nemesio Costas Salgueiro

            O preito iniciouse co Avogado Rafael Areses e posteriormente o peso maior ao ter que ir a Audiencia da Coruña e ao Tribunal Supremo levouno o Avogado Gonzalo Adrio Barreiro. O preito foi longo ata que a primeira Corporación democrática presidida polo Alcalde Manuel Soto Ferreiro no Pleno do día 30 de xuño de 1981, recoñecía de pleno dereito a titularidade das parcelas en litixio. Os responsables desta Comisión acudiron a onde fixo falla, dende o Padre Comesaña (famoso cura de Bouzas) ata incluso ao Xeneralísimo Franco. O preito foi custosÍsimo pero ao remate conqueriron o seu obxectivo.

   Acta da Redención dos Foros (tradución do castelán o galego)

Na cidade de Vigo a primeiro de marzo de mil novecentos vinte e oito, diante de min D. Casimiro Velo de la Viña, avogado e Notario do Ilustre Colexio

Notarial da Coruña, con veciñanza residencia en Vigo:

D. Prudencio Costas

COMPARECEN:

Dunha parte: D. Agustín Lago Cordero, casado.

  E de outra:

D. Prudencio Costas Estévez, célibe (solteiro).

D. Rafael Pérez Álvarez, casado con Isolina Iglesias Vila.

 D. Jos é Benito Davila Alonso, viúvo.

D. Domingo Troncoso Vila, viúvo.

D. Avelino Figueroa Costas, casado con Esperanza Alonso Costas.

D. Prudencio costas

D. Cándido Alonso Costas, casado con Soledad Alonso Piñeiro.

D. Manuel Novoa Comesaña, casado con Juliana Comesaña Costas.

D. José Ramilo Alonso,  casado con Primitiva Comesaña Costas.

D. Manuel Rial Vila, casado con Juliana Freiría Costas.

   Todos maiores de idade, Procurador dos Tribunais o primeiro, cura párroco de Valladares o segundo, veciños de dita parroquia de Valladares,  concello de Lavadores, excepto o señor Lago, que o é de Vigo e provistos de cédulas persoais que ofrecen presentarme dentro de oito días:

   CONCORREN ao outorgamento desta escritura nos seguintes conceptos:

   D. Agustín Lago Cordero, como mandatario de Dª. Marina Whyte, maior de idade, propietaria veciña de Vigo, segundo poder que diante de mín outorgou en estado de viúva, a seu favor, o día primeiro de febreiro de mil novecentos vinte e ún, no que expresamente lle faculta para que poida redimir e vender, polo prezo e condicións que lle parezan, as rendas forais e cousas que lle pertencían entón  e no futuro a mandante, con todos seus dereitos accesorios.

   Así resulta de dito poder que foi convalidado mediante escritura outorgada pola Dª Marina Whyte con intervención e licenza do seu marido D. Cecil Allanson, en Bearritz (Francia), o once de febreiro de mil novecentos vinte e seis, diante do Cónsul de España en Baiona D. Francisco de Romero e Rivas na que declara dita señora que ratifica todos cantos poderes ten conferidos a favor de Agustín Lago Cordero, veciño de Vigo, sen a menor reserva e limitación das persoas que se nomearán no feito segundo da exposición desta Escritura.

   REUNEN  ao meu xuízo, a capacidade legal necesaria que aseguran non teñen limitada para formalizar a presente escritura de REDENCIÓN e expoñen os seguintes:

   FEITOS

   Primeiro.-  A aquí representada Dª. Mariana Whyte, lle corresponde a renda foral coñecida polo nome de RACIÓN ou DÉCIMA, que pagan en millo todos os terratenentes que posúen fincas dentro dos límites de dita parroquia de Valladares, sexan veciños ou forasteiros, excepto tan solo as fincas pertencentes aos forais  que as exclúan da Ración, a cal venda lle foi adxudicada a partida da herdanza do Excmo., Señor D. Fernando Quiñones de León e Elduayen, Marqués de Mos e de Valladares, protocolada e aprobada por escritura diante de min de dezaoito de setembro de mil novecentos dezanove.

   Segundo.-   Para dita renda contribúen entre outros os levadores seguintes: figuran máis de trescentos pero para esta historia non teñen relevancia.

Total xeral que pagan todos os expresados levadores, “seiscentos sesenta e dous ferrados e nove décimas”. 

   Terceiro.- Reunidos o día vinte e dous de febreiro último os comparecentes Agustín Lago Cordero, Prudencio Costas Estévez, José Davila Alonso, Avelino Figueroa Costas, Rafael Pérez Alvarez e Domingo Troncoso Vila, o primeiro no nome de Dª. Mariana Whyte e os restantes por seu e no nome dos demais levadores e con intervención de Miguel Martínez Hernández, este como Delegado do Excmo. Sr. Gobernador Civil desta provincia, obrigáronse a redención de seiscentos ferrados de millo da referida renda ou máis se así o desexaran os foratarios a razón de cincuenta pesetas cada ferrado de millo como prezo

Cuarto.- E levando a cabo o convido outorgan esta escritura coas seguintes:

CLAÚSULAS: 

Primeira.-  Agustín Lago Cordero, na representación que ostenta e mediante o pago que os comparecentes da segunda parte fanlle neste acto na miña presenza e a das testemuñas da suma de TRINTA E TRES MIL CENTO SEIS PESETAS (33106 PTAS),   redime os seiscentos sesenta e dous ferrados e nove décimas de cunca de millo co que contribúen os levadores expresados no feito segundo da exposición desta escritura para a referida renda, nomeada RACIÓN OU DÉCIMA DE VALLADARES, con todos os dereitos inherentes, incluso o de laudemio se o tivera, deixando libre da expresada carga os bens afectos a ditos seiscentos sesenta e dous ferrados e nove décimas de cunca de millo.

   Segunda.-   Os comparecentes da segunda parte, obríganse por si mesmos e polos seus representados a darse de alta seguidamente na contribución territorial, a fin de que sexa baixa na plana do Sr. Marqués de Valladares no Axuntamento de Lavadores.

   Terceira.-  Os gastos deste orixinal e de demais posteriores, quedan a cargo dos comparecentes da segunda parte.

   Así o outorgan e asinan coas testemuñas presentes Laureano Ramil Cordero e Celedonio Tobío Fernández, veciños de Vigo. A todos lin a súa opción este documento e o aproban.          De coñecer aos outorgantes de facerlles as advertencias e de todo o contido neste instrumento público, extendido en 11 pregos de clase sétima, serie a) números setecentos cincuenta e seis mil oito centos dez, oito seguintes e o presente, dou fe.- Agustín Lago Cordero, Prudencio Costas, Rafael Pérez, José Benito Davila, Domingo Troncoso, Avelino Figueroa, Cándido Alonso, Manuel Vázquez, José Ramilo, Manuel Rial, Laureano Ramil, Celedonio Tobío.- Asinado.- L. CASIMIRO VELO.- Rubricado.

   NOTA.-  O vinte e catro de marzo do mesmo ano do seu outorgamento expedín primeira copia para D. Prudencio Costas Estévez, nun prego clase 1ª Serie A  número 45179 e en sete da oitava serie A. Números 4795605-4795602, o seguinte 4795594 e os tres seguintes e o anoto.        OUTRA.-   O vinte e séis de agosto de 1967  e como archiveiro de Protocolos do Distrito, libro eu CESAREO VÁZQUEZ ULLOA primeira copia a instancia de D. Nemesio Costas Salgueiro, fillo de Hermenegildo Costas Serodio, quen me acreditou seu interés lexítimo consonte ao artigo 224 do vixente Regulamento do Notariado en dez pregos de clase 14ª serie B, números 6.874.201 e seguintes correlativo numérico, dou fe.-  V. ULLOA.- Rubricado.

   OUTRA.-  O mesmo vinte e seis de agosto de 1967, eu Cesáreo Vázquez Ulloa, como Arquiveiro de Protocolos do Distrito, libro primeira copia a instancia de D. Manuel Alonso Alonso, quen me acreditou seu interés lexítimo, consonte ao artigo 224 do vixente Regulamento do Notariado en dez pregos de clase 14ª serie B, números 6.874.211 e seguinte correlativo. Dou fe.- V. Ulloa.- Rubricado.- E primeira copia literal da súa matriz a que me remito. E como arquiveiro de Protocolo do Distrito expídoa eu o infrascrito Notario a instancia de D. Ramón Alonso Costas, que me acreditou su interés lexítimo consonte ao artigo 224 do vixente Regulamento do Notariado en dez pregos da clase 14ª serie B, números 8.072.632 e seguintes correlativos; que sino e rubrico en Vigo a trinta de setembro de  mil novecentos sesenta e sete, dou fe, sinado.- S. Cesáreo Vázquez Ulloa.- Rubricado.- Existe un garimbo e tinta da Notaría.

Ignacio Pérez-Blanco y Pernas, XIV Marqués de Valladares,despois de publicar o seu libro sobre o marquesado, foi entrevistado en Radio Valladares o 27 de decembro de 2018

                                                                                                Isidro “Caseiro”

 


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014